Centro para a educación musical xestionado polo Consorcio da Cidade de Santiago de Compostela, a Escola de Altos Estudos Musicais ten como prioridade a formación e perfeccionamento de futuros profesionais da música clásica, así como a organización de diferentes actividades de divulgación musical.
A Escola de Altos Estudos Musicais (EAEM) comezou a súa andaina en 1998 da man da Real Filharmonía de Galicia (RFG), orquestra creada en 1995 pola concorrencia da Xunta de Galicia e o Consorcio da cidade de Santiago de Compostela. Os fundadores da RFG valoraron moi positivamente a conveniencia de aportar á sociedade o potencial pedagóxico dunha orquestra, dos seus músicos altamente cualificados, creando a resultas delo a EAEM.
A estreita vinculación que se xenera entre o alumno e o integrante dunha orquestra -todos os profesores son solistas ou coprincipais- é en esencia o que diferencia a Escola doutros proxectos educativos.
A Escola de Altos Estudos Musicais inaugurou en 2004 a sede propia en Santiago de Compostela, un edificio totalmente novo proxectado no ano 2000 polo arquitecto Antón García-Abril Ruiz no parque de Vista Alegre, un dos espazos verdes máis destacados no contorno máis próximo á cidade vella compostelá.
Con forma de cubo e fachada en granito rugoso de Mondariz, o edificio conta cun total de 1.700 metros cadrados de superficie total construída, dividida en cinco niveis máis cuberta, e reúne todas as condicións desexables para satisfacer as necesidades propias dun centro destas características, tanto no referente á súa distribución e acondicionamento como á súa situación, moi próxima ao Auditorio de Galicia, sede da Real Filharmonía de Galicia e da propia Escola durante os seus primeiros seis anos de existencia. A súa construción e equipamento foron financiados polo Consorcio da Cidade de Santiago de Compostela.
No proxecto, publicado en recoñecidas revistas especializadas e galardoado con varios premios, tivéronse moi en conta os requirimentos acústicos, de feito que as salas con maiores necesidades neste sentido se sitúan nun gran baseamento de formigón soterrado, que conforma así mesmo o asento do edificio. No soto sitúanse, pois, o auditorio de 226,8 metros cadrados -cun aforo máximo de 200 localidades e 40 postos de orquestra-, o laboratorio de electroacústica e gravación, e a aula de percusión. O resto das aulas diminúen en tamaño e carácter público canto máis elevado é o andar no que se sitúan.