A violinista Raquel Castro, na EAEM

martes, 26 Febreiro, 2019

A recoñecida violinista Raquel Castro impartiu clases maxistrais na Escola de Altos Estudos Musicais. Ademais dos alumnos do centro, tamén asistiron músicos externos. 

 

Profesora de violín na Escola Superior de Música de Cataluña

 

Raquel Castro Pego naceu na localidade de Aguiño, en Ribeira, en 1972. Formou parte da Orquestra Xove de Galicia e na actualidade desfruta dunha magnífica carreira como intérprete e pedagoga do violín. As súas recentes actuacións téñena levado, ademais de por toda España, a países como Gran Bretaña, Francia, Italia, Eslovenia, Croacia, Estados Unidos, Israel e a diversos lugares de Oriente Medio.

 

Recibe a súa formación en España e Londres, na Guildhall School of Music and Drama. Completa os seus estudos na Universidade de Indiana. Grazas a unha bolsa do Programa Fulbright consegue o Masters en Música coas máximas cualificacións, baixo a tutela do mestre Mauricio Fuks, do cal ten sido asistente.

 

Ten sido convidada a impartir clases na Universidade de Indiana e na Summer Festival Academy en Bloomington. En 2005 conseguiu a praza de primeiro violín solista na nova formación Ensemble Nacional Español de Música Contemporánea. É convidada nacional e internacionalmente para impartir clases maxistrais, seminarios e cursos de violín. Dende o ano 2004 é profesora de violín na Escola Superior de Música de Cataluña (ESMUC).