A viola Isabel Villanueva, na EAEM

luns, 4 Decembro, 2017

A recoñecida viola internacional Isabel Villanueva impartiu clases maxistrais na EAEM.

 

Ofrece clases no Reino Unido, Líbano, Irán e China

 

Isabel Villanueva é, con tan só 29 anos, unha das violas máis destacadas da súa xeración no eido internacional. Traballa por difundir a viola como instrumento con voz propia. Ten ofrecido numerosos concertos en Europa, Asia, Oriente Medio e Rusia. No ano 2013 converteuse na primeira viola estranxeira en dar un recital en Irán.

 

Os seus concertos teñen sido retransmitidos por radios e televisións de España, Eslovenia, Estonia, Hungría, Líbano, Rusia ou Suíza. Resultou gañadora en numerosos certames internacionais, entre eles en San Petesburgo, República Checa e Moscú. En 2014 foi galardoada co “Prix Albert Lullin” de Xenebra ao instrumentista máis destacado do ano. E en 2015 recibiu o “Premio Ojo Crítico” de Música Clásica de RNE.

 

En 2015 concedéuselle o recoñecemento institucional “Marca España” e foi elixida “embaixadora mundial do talento español” por Clear Channel. É convidada con regularidade a impartir clases maxistrais de viola en centros do Reino Unido, Líbano, Irán, China, ademais de en conservatorios españois. Toca unha viola de 1670.