Suzana Stefanovic inicia as clases maxistrais do curso na EAEM

xoves, 24 Novembro, 2022

A violoncellista Suzana Stefanovic dá comezo este xoves 24 de novembro ás clases maxistrais de profesores convidados do Curso Avanzado de Especialización Orquestral. As súas clases serán este xoves 24 de 16h a 20h, o venres 25 de 11h a 14h exclusivamente para alumnado do CAEO, e o venres á tarde tamén de 16h a 19h.

 

De orixe iugoslava, Stefanovic estudou no seu Belgrado natal con Relja Cetkovic e posteriormente con Janos Starker, de quen foi tamén asistente, na Escola de Música da Universidade de Indiana. Ao obter o Artist Diploma con honras en 1988, trasladouse a Barcelona onde traballou como asistente solista da Orquestra Ciutat de Barcelona baixo a dirección de Franz-Paul Decker e profesora do Conservatorio do Liceu.

 

Suzana dedicou moito tempo á pedagoxía, actualmente no Grao Superior de "Progreso Musical" en Madrid. Ademais do Liceu, foi profesora no Conservatorio Profesional de Guadalaxara e na Escola de Música 'Enrique Granados' de Maxadahonda.

 

Imparte cursos en toda España e traballa regularmente preparando as seccións de cellos da Orquestra Xove de Andalucía, Xove Orquestra Nacional de España, Xoves orquestras de Cataluña, Comunidade de Madrid e outras.