O violoncellista Nikolay Gimaletdinov impartiu clases na Escola

mércores, 17 Novembro, 2021

O violoncellista Nikolay Gimaletdinov está a impartir clases maxistrais na Escola de Altos Estudos Musicais.

 

Violoncello principal da Orquestra Sinfónica Casa da Música do Porto

 

Nikolay Gimaletdinov naceu nunha familia de músicos e aos cinco anos comezou a tocar o violoncello orientado polo seu pai, Riza Gimaletdinov, violoncellista na Orquestra do Teatro Mariinski de San Petersburgo. Despois de licenciarse no Conservatorio de San Petersburgo, formouse na Universidade de Música de Viena.

 

Tocou nas grandes salas de concerto de todo o mundo como o Musikverein de Viena, Konzerthaus e Philharmonie de Berlín, Royal Albert Hall e Barbican Hall, NHK e Suntory Hall, Carnegie Hall, Walt Dysney Hall ou o Great Hall do Conservatorio de Moscú, entre outras. E tocou como solista con prestixiosas orquestras como a Nacional de Rusia, Virtuosos de Moscú, Sinfónica de Ucraína…

 

Foi violoncellista da Sinfónica de Viena e da Filharmónica de San Petersburgo, e principal violoncello convidado da Sinfónica do Teatro Mariinski. Desde 2017 é violoncello principal da Orquestra Sinfónica Casa da Música do Porto. Toca un violoncello dun lutier anónimo de finais do século XVIII.