O trompista estadounidense Eric Terwilliger, na EAEM

martes, 16 Novembro, 2021

O trompista Eric Terwilliger impartiu clases maxistrais na Escola de Altos Estudos Musicais.  

 

Eric Terwilliger, un dos trompistas máis prestixiosos na actualidade

 

Eric Terwilliger foi durante máis de trinta anos trompa solista da Orquestra Filharmónica de Múnic. Nestes intres ocupa o mesmo posto na Orquestra Sinfónica da Radio de Baviera. Tras ser galardoado en diferentes certames internacionais, actuou como solista xunto a grandes orquestras como a Filharmónica de Viena ou a Filharmónica de Berlín, entre outras. É o único intérprete de trompa que actuou no Carnegie Hall de Nova York e no Musikverein de Viena.

 

Aos seis anos xa tocaba a trompeta, o piano e a guitarra. Aos dez comezou a actuar como solista de trompeta, e aos doce a tocar jazz, blues e música popular coa guitarra. Aos quince anos cambiou a trompeta pola trompa. A súa carreira como músico de orquestra comezou en 1975 como trompa solista no Staatstheater Kassel de Alemaña.

 

Imparte clases maxistrais en Europa, Asia, América do Norte e do Sur; incluíndo o Mozarteum de Salzburgo, o Conservatorio de París, a Universidade de Cambridge, a Escola de Música Toho Gakuen en Tokio ou a Escola Juilliard en Nova York. É catedrático de trompa na Universidade de Música e Teatro de Múnic.