O trompista David Fernández, na EAEM

martes, 28 Xaneiro, 2020

O trompista vigués David Fernández impartiu clases maxistrais na Escola de Altos Estudos Musicais. Ademais dos alumnos do centro, tamén asistiron músicos externos. 

 

Trompista principal na Orquestra Filharmónica de Rótterdam

 

David Fernández naceu en Vigo no ano 1979. Formouse en Alemaña, na Escola Superior de Karlsruhe, onde se graduou con matrícula en trompa e solista. Formou parte da Joven Orquesta Nacional de España (JONDE), Orquestra Xove da Unión Europea e da Xove Orquestra Gustav Mahler. 

 

Como profesional de orquestra ten tocado coa Sinfónica de Galicia e a Sinfónica da Radio Bávara. Na actualidade é trompista principal na Orquestra Filharmónica de Rótterdam, cidade na que ten a súa residencia. Tamén foi trompa solista da Orquestra de la Comunitat Valenciana. Ten colaborado coa Orquestra Statal Saxoa de Dresde, Sinfónica da Radio de Stuttgart, Orquestra de Cámara Mahler, Sinfónica da BBC de Londres ou a Orquestra da Radio de Oslo, entre outras.

 

Tocou baixo a batuta de mestres do talle de Lorin Maazel, Zubin Mehta, Carlo Maria Giulini, Kurt Masur, Riccardo Muti ou Víctor Pablo Pérez, entre outros moitos. Actuou nos máis prestixiosos auditorios e salas de concerto de Berlín, Múnic, Tokio, París, Nova York, Londres, Ámsterdam... Ten recibido numerosos galardóns, entre eles o Premio da Crítica de Galicia en 2003.