O oboísta Washington Barella, na EAEM

martes, 1 Xuño, 2021

O recoñecido oboísta brasileiro Washington Barella impartiu clases maxistrais na Escola de Altos Estudos Musicais. 

 

Primeiro oboísta da Orquestra Sinfónica da SWR de Baden-Baden e Friburgo

 

Washington Barella é profesor de óboe na Universidade das Artes de Berlín e primeiro oboísta solista da Orquestra Sinfónica da SWR de Baden-Baden e Friburgo. Iniciou os seus estudos en Brasil e completou a súa formación na Universidade de Música e Teatro de Hannover (Alemaña) e na Universidade de Hartford (Estados Unidos).


Consagrado polo público e pola crítica como un dos mellores oboístas da súa xeración, foi galardoado en importantes certames brasileiros e internacionais. Destaca o primeiro premio no “Concert Artists Guild International New York Competition” en 1990 e no Concurso Internacional de Múnic en 1991. Dende entón ten tocado nas salas de concerto máis prestixiosas do mundo, sempre cunha excelente recepción. Así, The New York Times aclamou o seu debut en Nova York eloxiando a súa “virtuosidade exuberante”.


Acompañou como solista á Orquestra Sinfónica da Radio de Múnic, á Orquesta de Cámara de Heilbronn e á Sinfónica de Baden-Baden. En Brasil presentouse xunto á Sinfônica de Campinas e á Sinfônica do Estado de São Paulo. Como músico de cámara ten realizado xiras por Estados Unidos, Europa, Xapón e Brasil.