A EAEM e a Escola Municipal de Música colaboran co Banco de Alimentos-Rías Altas nunha campaña de recollida de alimentos

sábado, 12 Decembro, 2020

A Escola de Altos Estudos Musicais (EAEM) e a Escola Municipal de Música, con sede no mesmo edificio, situado na compostelá Finca Vista Alegre, están a colaborar co Banco de Alimentos-Rías Altas nunha campaña de recollida de alimentos no seo de ámbalas institucións.

 

Na época que estamos a vivir, a solidariedade é máis importante que nunca e as dúas institucións amósanse encantadas de poder contribuír positivamente coa vida da cidade de Compostela e coas persoas que máis o necesitan a través desta marabillosa iniciativa.


Para todos aqueles que desexen participar con esta campaña, a recollida de alimentos terá lugar desde o luns 14 ata o venres 18 de decembro, polas tardes, en horario de 16:00 a 21:30 horas. A recollida realizarase respectando todas as normas de seguridade sanitaria. Durante esta semana da campaña, haberá unhas caixas no hall de entrada da Escola, onde o alumnado poderá deixar a súa doazón.

 

Aínda que todos os produtos son necesarios e ben recibidos, desde o Banco de Alimentos salientan que nestes intres se precisan particularmente produtos para o almorzo (cereais, galletas…), conservas de peixe e conservas vexetais, produtos de hixiene, comida para bebés e cueiros da talla 4-5.


A EAEM e a Escola Municipal de Música agradecen  colaboración con este proxecto, que consideran “un xeito fermoso de inaugurar a temporada do Nadal para a nosa comunidade educativa”.