Curso Avanzado de Especialización Orquestral 18-19 (VER LISTA DE ADMITIDOS)

mércores, 20 Xuño, 2018

O Curso Avanzado de Especialización Orquestral (CAEO), recoñecido como título propio de posgrao pola Universidade de Santiago, diríxese a músicos instrumentistas con titulación superior que teñan como meta adquirir a formación e a experiencia necesarias para integrarse nunha orquestra profesional.

 

O curso, que xa celebra a súa sétima edición, dura un ano académico, dende o 1 de outubro de 2018 ata o 30 de xuño de 2019. 

 

A Escola ofrece 18 prazas nas diferentes especialidades: 6 para violín, 2 para viola, 2 para violoncello e 1 para contrabaixo, óboe, frauta, clarinete, fagot, trompa, trompeta e percusión. 

 

Todos os alumnos disporán dunha bolsa por unha cantidade de 300 euros ao mes. E, como alumnos de pleno dereito da Universidade de Santiago, terán posibilidade de aloxamento na Residencia Universitaria do Burgo das Nacións, situada a 180 metros da Escola.

 

Este curso de posgrao ofrece aos futuros músicos a oportunidade de formarse coa Real Filharmonía de Galicia, xa que os mestres da Escola son músicos da RFG. E cada alumno participará nun mínimo de sete concertos coa orquestra. Ademais, recibirán clases individuais de especialización instrumental, de música de cámara, clases teóricas e clases maxistrais das diferentes especialidades impartidas por solistas de recoñecido prestixio convidados polo centro. Tamén participarán en concertos públicos dentro da programación “A Escola na cidade”.

 

Máis información