Concerto fin de curso dos alumnos da EAEM coa Real Filharmonía de Galicia

luns, 3 Xuño, 2019

A Escola de Altos Estudos Musicais (EAEM) imparte o Curso Avanzado de Especialización Orquestral, un curso de posgrao recoñecido como título propio pola Universidade de Santiago que naceu hai oito anos como unha experiencia pioneira en España. Diríxese aos que remataron os seus estudos musicais e buscan integrarse nunha orquestra profesional. Como colofón ao ano académico, varios alumnos do centro, seleccionados polo seu nivel de excelencia, participan como solistas nun concerto coa Real Filharmonía de Galicia.

 

O concerto desta edición celebrarase este xoves, 6 de xuño, ás 20:30 horas no Auditorio de Galicia. A entrada é gratuíta ata completar o aforo.

 

A Escola e a orquestra conforman un proxecto musical único, xa que os profesores instrumentais da EAEM proceden da Real Filharmonía de Galicia, coa que os alumnos participan nos seus concertos ao longo de toda a temporada. Nesta ocasión os músicos estarán dirixidos polo mestre compostelán Maximino Zumalave, director asociado da RFG e da Escola.

 

Obras de diferentes épocas e estilos

 

Os seis alumnos da Escola de Altos Estudos Musicais seleccionados para participar como solistas neste concerto coa Real Filharmonía de Galicia son a violoncellista Gema Pérez, a violinista Ewa Pawlowska, o clarinetista Jorge Ripoll, a violoncellista Elena Domínguez, o trompetista Rodrigo Iglesias e o trompista Germán Latorre.

 

Cada un deles protagonizará unha obra para o seu instrumento, de diferentes épocas e estilos. Tocarán obras completas ou fragmentos do Concerto para violoncello nº 2 de Franz Joseph Haydn, o Concerto para violín nº 4 de Mozart, a peza Introdución, Tema e Variacións do compositor italiano Gioachino Rossini, o Concerto para violoncello en Do menor de Vivaldi, o Concerto para trompeta de Haydn e, finalmente, o Concerto para trompa nº 4 de Mozart.

Documentos relacionados: