Clases maxistrais de trompeta con Yael Fiuza

martes, 6 Novembro, 2018

O trompetista galego Yael Fiuza vai impartir clases maxistrais na Escola os días 15 e 16 de novembro. Ademais dos alumnos do centro, tamén poden asistir músicos externos. Os interesados poderán matricularse a través da páxina web da EAEM. Os aspirantes deben estar cursando como mínimo os últimos cursos de grao medio de música.

 

É trompetista na orquestra da Ópera Alemá de Berlín

 

Yael Fiuza Souto naceu na localidade pontevedresa de Vila de Cruces hai 26 anos. Comeza a súa traxectoria musical aos oito anos de idade na Escola de Música Artística de Merza e prosegue a súa formación na Escola de Altos Estudos Musicais, en Santiago. En 2014 conclúe os seus estudos superiores de trompeta no Conservatorio Superior de Música de Aragón con matrícula de honra.

 

Foi membro titular de varias xoves orquestras, entre elas a Orquestra Xove da Sinfónica de Galicia, a Joven Orquesta Nacional de España, a Schleswig-Holstein Musik Festival Orchester e a Gustav Mahler Jugendorchester. Ten colaborado con agrupacións de toda España e Alemaña. Na actualidade toca na orquestra da Ópera Alemá de Berlín. 

 

Inscrición