Clases maxistrais de trompeta con Luis González

martes, 3 Novembro, 2020

O trompetista valenciano Luis González impartiu clases maxistrais na EAEM, tanto a alumnos do centro como a externos.

 

Profesor no “Musikene”

 

Luis González é un dos trompetistas españois máis destacados na actualidade no seu labor como docente e solista. Comezou a estudar trompeta na escola da banda da súa cidade e realizou os seus estudos superiores no Conservatorio Superior de Música de Valencia. Logo formouse en París e en Suecia. Integrou a Orquesta Sinfónica de Baleares “Ciutat de Palma” e foi profesor do Conservatorio Profesional de Palma de Mallorca. Así mesmo, foi trompeta solista da Orquesta Sinfónica de Madrid e profesor do Conservatorio Superior de Música do Liceu en Barcelona.

 

Tocou coas orquestras sinfónicas máis importantes de España e colabora como primeiro trompeta con agrupacións de gran prestixio como a Orquesta de Cadaqués ou a Royal Concertgebouw de Ámsterdam. É convidado asiduo de cursos e seminarios en toda España e en Portugal, Francia, Finlandia, Luxemburgo, Alemaña, Colombia, Venezuela… Tamén ten sido membro de xurados en prestixiosos concursos nacionais e internacionais. Forma un dúo estable co pianista José Gallego, co que recuperou e gravou o repertorio máis importante para trompeta dos compositores españois dos séculos XX e XXI. 

 

Na actualidade é profesor de trompeta no Centro Superior de Música do País Vasco “Musikene”, actividade que compaxina co seu traballo interpretativo de solista.