Clases maxistrais de frauta con Mercedes Schmidt

luns, 7 Decembro, 2020

A frautista Mercedes Schmidt impartiu clases maxistrais na Escola de Altos Estudos Musicais. Ademais dos alumnos do centro, tamén asistiron músicos externos. 

 

Foi alumna da Escola de Altos Estudos Musicais

 

Mercedes Schmidt é natural de Cartaxena, onde inicia os seus estudos de frauta aos oito anos. Comeza a súa formación no Conservatorio Profesional de Música de Cartaxena e obtén o título superior na Escola Superior de Música de Catalunya. Posteriormente realiza o Curso Avanzado de Especialización Orquestral na Escola de Altos Estudos Musicais. En 2014 recibe unha bolsa da Fundación BBVA para estudar na Universidade de Música e Artes da Cidade de Viena.

 

Foi membro da Jove Orquestra Nacional de Catalunya e da Joven Orquesta Nacional de España. Formou parte da Orquestra do Festival Schleswig Holstein -Alemaña- e tamén foi academista da Real Filharmonía de Galicia. En 2016 é seleccionada para formar parte da Orquestra do Festival Verbier en Suíza. Ademais, foi frauta solista da Orquestra Clássica da Madeira -Portugal- e cosolista na Orquesta de la Comunidad Valenciana.

 

Traballou á fronte de directores do talle de Juanjo Mena, Antoni Ros Marbà ou David Afkham, entre outros. Desde 2016 é frauta principal na Oviedo Filarmonía.