Clases maxistrais de fagot con María José Rielo

martes, 3 Maio, 2022

A fagotista María José Rielo ofrecerá este xoves e venres a última das clases maxistrais deste curso escolar da Escola de Altos Estudos Musicais. Será en horario de 10h a 14h e 16h a 20h o xoves 5 e de 10h a 14h o venres 6.

 

María José Rielo

Comezou a súa formación no Conservatorio Profesional de Música de Lalín (Pontevedra) e terminou os seus estudos superiores cos profesores Guillermo Salcedo e Juan Pedro Fuentes no Conservatori Liceu, onde foi bolseira pola Fundación Pedro Pons e a Fundación Alexander Humboldt. Gañou o Premio Extraordinario de Interpretación en 2010 debutando co Concerto para fagot e orquestra de Mozart acompañada pola orquestra do centro.

 

Posteriormente, perfeccionouse cun mestrado na Hochschule für Musik und Theater München baixo a tutela de Dag Jensen. Alí conseguiu o Terceiro Premio na prestixiosa ARD International Music Competition de 2013, e foi tamén semifinalista ao Aeolus International Competition de 2012 de Düsseldorf.

 

Foi academista da Bamberger Symphoniker-Bayerische Staatsphilharmonie e colaborou con numerosas formacións orquestrais, como a Münchener Kammeorchester, a Sächsische Staatskapelle Dresden e a Orquestra Mozart, onde tocou baixo batutas de Claudio Abbado, Herbert Blomstedt, Pavo Järvi, Christoph Eschenbach ou Jonathan Nott, entre outros.

 

Tamén foi membro de numerosas orquestras novas, como a Orquestra Joven da Sinfónica de Galicia, Joven Orquesta Nacional de Cataluña, The National Youth  Orchestra of the Netherlands, Joven Orquesta Nacional de España, Orchestal Academy  Schleswig Holstein Musik Festival e a Gustav Mahler Jungendorchester.

 

Como música de cámara tivo a oportunidade de tocar con intérpretes de renome como Françoix Leleux, Dag  Jensen, Andrea Lieberknecht, o Odeon Ensemble e é  fagotista convidada do Festival Villa Musica Rheinland. Na faceta de solista estivo acompañada pola Münchner Rundfunkorchester, a Münchner Kammerorchester, a  Bad Reichenhall Philharmonie, a Orchester der Schäftlarn Konzerte e a Orquestra da RTVE. Tamén participou en numerosos festivais de renome en Alemaña.