Clases maxistrais co violinista Teimuraz Janikashvili

venres, 12 Abril, 2019

O violinista Teimuraz Janikashvili vai impartir clases maxistrais na Escola de Altos Estudos Musicais os días 23 e 26 de abril. Ademais dos alumnos do centro, tamén poden asistir músicos externos. Os interesados poderán matricularse a través da páxina web da EAEM. Os aspirantes deben estar cursando como mínimo os últimos cursos de grao medio de música.

 

Colaborador habitual da Real Filharmonía de Galicia

 

Nacido en 1974 na capital xeorxiana de Tiflis, Teimuraz Janikashvili comezou os seus estudos de violín á idade de seis anos. Aos oito ofreceu o seu primeiro concerto coa Orquestra Nacional de Xeorxia. En 1988 trasladouse a Moscú para continuar a súa formación no Colexio Chaikovski. Nesa etapa gañou o primeiro premio do Festival de Nyírbátor, en Hungría.

 

En 1992 e 1993 foi concertino convidado da Orquestra de Cámara de Tiflis. En 1993 accedeu ao Conservatorio Chaikovski e entrou a formar parte da Orquestra da Radiotelevisión de Rusia. Logo foi violín solista da Orquestra de Cámara Kremlin e máis tarde membro da orquestra de cámara Solistas de Moscú, coa que ofreceu concertos por todo o mundo.

 

En 1999 trasladouse a España, onde formou parte da Orquestra Sinfónica de Galicia e colaborou tamén como concertino da Orquestra Xove da Sinfónica de Galicia. Foi solista da Orquesta Sinfónica de Castilla y León e concertino da Orquestra Simfònica del Vallès. Na actualidade colabora habitualmente coa Real Filharmonía de Galicia.

 

Inscrición