Clases maxistrais co violinista Matthieu Arama

mércores, 2 Xuño, 2021

O afamado violinista francés Matthieu Arama impartiu clases maxistrais na Escola de Altos Estudos Musicais para os alumnos do Curso Avanzado de Especialización Orquestral.

 

Supersolista da Orquestra Nacional de Burdeos

 

Matthieu Arama empezou a tocar o violín con seis anos e aos once debutou como solista na Sala Gaveau de París. Formouse no Conservatorio Nacional Superior de Música de París e no Conservatorio Real de Bruxelas, onde obtivo as máximas distincións. Ao longo da súa carreira recibiu os máis importantes premios en certames internacionais para violín.

 

Actuou como solista nas mellores salas do mundo: Barbican en Londres, na Praza das Artes de Montreal, Great Hall do Conservatorio Chaikovski de Moscova, War Memorial Opera House de San Francisco, City Hall en Cidade do Cabo… Tocou con grandes orquestras como a Sinfónica de Londres, Royal Philharmonic, Sinfónica de Montreal, Ópera de San Francisco ou a Orquestra Nacional de Burdeos, entre outras.

 

Supersolista da Orquestra Nacional de Burdeos e profesor no Pôle d'Enseignement Supérieur de Burdeos, Matthieu Arama toca o violín Guarnerius coñecido como o "Duque de Cremona", que lle foi cedido pola Asociación Zilber-Vatelot-Rampal.