Clases maxistrais co violinista Cibrán Sierra

xoves, 28 Novembro, 2019

Aproveitando a presenza do violinista e membro do Cuarteto Quiroga Cibrán Sierra como concertino da Real Filharmonía de Galicia a semana do 9 de decembro, a EAEM ofrecerá clases maxistrais co recoñecido músico o venres 13 de decembro, de 10:00 a 14:00 horas.

 

Ademais dos alumnos do centro, tamén poden asistir músicos externos. Os interesados deberán matricularse a través da páxina web da Escola. Os aspirantes teñen que estar cursando como mínimo os últimos cursos de grao medio de música.

 

Cibrán Sierra (Ourense, 1979) formouse en universidades de Suecia, Estados Unidos, Países Baixos e Suíza; ademais de na Escuela Superior de Música Reina Sofía de Madrid. Na actualidade mantén unha intensa actividade internacional como intérprete, fundamentalmente como violinista do Cuarteto Quiroga, Premio Nacional de Música 2018 e un dos cuartetos de corda máis recoñecidos e premiados da nova xeración europea, presente nas salas máis importantes do escenario internacional (desde Berlín e Salzburgo até Nueva York ou Los Angeles, pasando por Amsterdam, Londres, Hamburgo, París, Bogotá e Buenos Aires), compartindo escea con artistas da envergadura de Martha Argerich, Veronika Hagen, Jörg Widmann, Valentin Erben, Javier Perianes e un longo etc.

 

É convidado con regularidade como concertino e violinista principal por diferentes orquestras sinfónicas, de cámara e grupos de interpretación histórica en toda Europa. Colabora coa Orquestra de Cámara de Europa, a Orquestra Revolucionaria e Romántica e ten traballado con directores do talle de Frans Brüggen, John Eliot Gardiner, Jordi Savall, Andrew Manze, Aarón Zapico, Vladimir Ashkenazy, Yannick Nezet-Seguin, Sir Colin Davis ou Gustavo Dudamel, entre outros.

 

É docente na Cátedra de Cuarteto de Cuerda y Cámara do Conservatorio Superior de Música de Aragón. Colabora con frecuencia como profesor na Joven Orquesta Nacional de España e en ProQuartet-Paris. Imparte conferencias, cursos e clases maxistrais en conservatorios, universidades e institucións académicas superiores de España, Austria, Francia, Holanda, Suecia, Estados Unidos, Colombia… É o autor do libro “El Cuarteto de Cuerda: Laboratorio para una Sociedad Ilustrada” (Alianza Editorial, 2014), publica artigos e ensaios en publicacións especializadas e prensa xeneralista sobre música de cámara e educación musical, e fundou e coordinou durante a súa existencia a tempada de concertos de cámara “Sen Batuta” (Ourense, 2008-2013).  Toca o violín Nicola Amati de 1682 “Arnold Rosé”, cedido polos herdeiros de Paola Modiano.

 

Inscrición