Clases maxistrais co aclamado trompetista venezolano Pacho Flores

xoves, 21 Decembro, 2017

O trompetista venezolano Pacho Flores impartiu clases maxistrais estes días na Escola. Ademais, ofrecerá tres concertos coa Real Filharmonía de Galicia: o día 11 en Santiago (Auditorio de Galicia), o 12 en Vigo (Teatro Afundación) e o 13 na Coruña (Palacio da Ópera).

 

Un trompetista laureado en todo o mundo

 

Formado no Sistema de Orquestas Juveniles e Infantiles de Venezuela, Pacho Flores obtivo o Primeiro Premio do Concurso Internacional Maurice André, o certame para trompeta máis importante do mundo. Entre outros moitos recoñecementos, recentemente foi galardoado coa Medalla de Ouro dos Global Music Awards.

 

Como solista, actuou con orquestras de Suecia, Finlandia, Alemaña, Ucraína, Rusia, Francia, Estados Unidos, México, Venezuela, Xapón, China, Israel… e con varias agrupacións españolas. Ofreceu recitais en salas tan afamadas como o Carnegie Hall de Nova York, Sala Pleyel de París ou a Opera City de Tokio.

 

É director fundador da Academia Latinoamericana de Trompeta en Venezuela e convidado habitual dos conservatorios de Finlandia, España, Francia, Xapón e Latinoamérica; e como xurado permanente en recoñecidos concursos internacionais. É un ávido promotor da música contemporánea e fai importantes achegas tanto á execución como á interpretación da trompeta.