Clases de viola con Yuval Gotlibovich, de violín con Raquel Castro e de violoncello con Suzana Stefanovic

luns, 28 Marzo, 2022

 

A violinista de Ribeira Raquel Castro e o violista israelí Yuval Gotlibovich impartirán dúas clases maxistrais o xoves 31 de marzo e o venres 1 de abril na Escola de Altos Estudos Musicais. O sábado 2 de abril será a violonchelista serbia Suzana Stefanovic quen impartirá unha clase maxistral. A estas clases poderán asistir tanto os alumnos do centro como músicos externos matriculándose na páxina web da escola. Os aspirantes teñen que estar cursando como mínimo os últimos cursos de grao medio de música.

 

Profesora de violín na Escola Superior de Música de Cataluña

 

Raquel Castro Pego naceu na localidade de Aguiño, en Ribeira, en 1972. Formou parte da Orquestra Xove de Galicia e na actualidade desfruta dunha magnífica carreira como intérprete e pedagoga do violín. As súas recentes actuacións téñena levado, ademais de por toda España, a países como Gran Bretaña, Francia, Italia, Eslovenia, Croacia, Estados Unidos, Israel e a diversos lugares de Oriente Medio.

 

 

Recibe a súa formación en España e Londres, na Guildhall School of Music and Drama. Completa os seus estudos na Universidade de Indiana. Grazas a unha bolsa do Programa Fulbright consegue o Masters en Música coas máximas cualificacións, baixo a tutela do mestre Mauricio Fuks, do cal ten sido asistente.

 

 

Ten sido convidada a impartir clases na Universidade de Indiana e na Summer Festival Academy en Bloomington. En 2005 conseguiu a praza de primeiro violín solista na nova formación Ensemble Nacional Español de Música Contemporánea. É convidada nacional e internacionalmente para impartir clases maxistrais, seminarios e cursos de violín. Dende o ano 2004 é profesora de violín na Escola Superior de Música de Cataluña (ESMUC).

 

Profesor máis novo da Universidade de Indiana

 

Nado en Israel, Yuval Gotlibovich sobresae como un dos violistas máis solicitados da súa xeración. Gañou diversos concursos internacionais para o seu instrumento, entre eles o primeiro premio no VIII Concurso Internacional Lionel Tertis, no certame “Aviv” en Israel en 2004 ou no Concurso Nacional de Música de Cámara "Fischoff" en Indiana.

 

A súa actividade concertística desenvólvese en Europa, Estados Unidos, Canadá e Israel. Como solista ten tocado coa Sinfónica de Xerusalén, Tel-Aviv Soloists Ensemble, Orquestra de Cámara de Ostrobotnia (Finlandia) ou a Orquestra do Festival de Texas, entre outras agrupacións. Os seus concertos pódense escoitar en cadeas de radio e televisión do Reino Unido, Canadá, Israel, Francia, Alemaña e Estados Unidos. Como solista ten tocado en importantes salas como a Wigmore Hall en Londres, Tel-Aviv Opera House ou o Kennedy Center en Washington.

A súa paixón por combinar interpretación, composición e improvisación levárono á creación da música orixinal que acompaña en directo a películas de cine mudo. Estas foron interpretadas en directo en festivales de cine e de música en España, Finlandia, Italia, Slovakia, Bélxica, Alemaña e Israel.

 

Foi profesor de viola na Universidade de Indiana. Na actualidade é docente no Conservatorio Superior del Liceo en Barcelona, na Escola Superior de Música Reina Sofía en Madrid e no Conservatorio della Svizzera Italiana.

 

Solista da Orquestra da Radiotelevisión Española

 

Comezou a estudar violonchelo ós sete anos con Relja Cetkovic no seu Belgrado natal. Gañou numerosos concursos e premios e asistiu a clases maxistrais de Daniil Shafran e Valter Despalj. Con 17 anos trasladouse a Estados Unidos, onde estudou durante catro anos con Janos Starker na Indiana University School of Music, obtendo un Artist Diploma con honras.

 

Foi asistente solista na Orquesta Ciutat de Barcelona dende 1988 ata que no 1991 se traslada a Madrid, onde, ademáis de ser a solista de violonchelo da Orquesta de RTVE, é profesora do Conservatorio de Guadalaxara.

 

Stefanovic protagonizou a integral das sonatas e variacións de Ludwig van Beethoven na Fundación Juan March e na Universidade Politécnica, así como recitales de obras para violonchelo e percusión e de sonatas de Bach e Antonio Vivaldi con clave.

 

Co Trío Modus estrenou o “Divertissment” de Jean Françaix en España coa Orquesta da Comunidade de Madrid, baixo a batuta de Xosé Ramón Encinar no Auditorio Nacional. Este trío de corda encargou e estreou numerosas obras a compositores españois, ademáis de tocar todos os tríos de Ludwig van Beethoven, Wolfgang Amadeus Mozart, as Variacións Goldberg de Johann Sebastian Bach e outras obras nos Concertos de Radio Clásica, a temporada do CDMC no Museo Reina Sofía, o Festival de Úbeda e outras salas.

 

Suzana dedica gran parte do seu tempo á docencia. Foi profesora do Conservatorio de Guadalaxara e do Conservatorio do Liceu en Barcelona. Con frecuencia é invitada a impartir clases maxistrais por toda España, así como a formar a chelistas das orquestas máis novas do país, de Irlanda e de Croacia.