Clases de óboe con Stefan Schilli

martes, 23 Abril, 2019

O aclamado oboísta alemán Stefan Schilli impartiu clases maxistrais na EAEM. Ademais dos alumnos do centro, tamén asistiron músicos externos. 

 

Stefan Schilli estudou nas Escolas Superiores de Música de Trossingen e Karlsruhe (Alemaña) antes de ser nomeado oboísta solista da Orquestra Sinfónica da Radio Bávara en 1991, cando tan só tiña vinte anos de idade. En 1996 gañou o Concurso Internacional da Primavera de Praga e o Concurso de Música ARD, despois de obter o Premio Nacional de Música de Alemaña en 1993.

 

Como solista ten tocado cos directores máis recoñecidos. Realizou frecuentes xiras polo sueste asiático, Estados Unidos, Rusia e toda Europa. Ademais, foi profesor na Universidade Mozarteum de Salzburgo. Gravou varios cedés e realizou numerosas gravacións para a televisión.

 

Durante moitos anos o músico dedicouse tamén a actuar con óboes históricos e é membro fundador do conxunto barroco L’Accademia Giocosa, que foi premiado co prestixioso Diapason d’Or pola súa gravación de obras instrumentais descoñecidas.