Clases de fagot con Mª José Rielo

xoves, 21 Novembro, 2019

A fagotista Mª José Rielo ofreceu clases maxistrais na Escola de Altos Estudos Musicais. Ademais dos alumnos do centro, tamén asistiron músicos externos. 

 

Profesora no Conservatorio Superior de Música del Liceo

 

Natural de Lalín, a fagotista Mª José Rielo é profesora no Conservatorio Superior de Música del Liceo, membro da Orquestra Simfònica del Gran Teatro del Liceo e primeiro fagot convidado da Orquestra de Cámara de Múnic. Comezou os seus estudos no Conservatorio Profesional de Música de Lalín, rematando o grao superior no Conservatorio Superior del Liceo en Barcelona. Realizou os seus estudos de Máster en Alemaña, na Universidade de Música e Teatro de Múnic.

 

Foi membro de numerosas orquestras xoves como a Xove da Sinfónica de Galicia, Jove Orquestra Nacional de Catalunya, Xove Orquestra dos Países Baixos ou Xove Orquestra Gustav Mahler, entre outras. Ten colaborado con moitas orquestras, baixo a batuta de grandes mestres como Claudio Abado, Mariss Jansons ou Pavo Järvi, entre outros. Ten tocado en salas de Europa e Asia como a Musikverein de Viena, Filharmónica de Berlín, Concertgebouw de Ámsterdam, BBC Proms en Londres, Herkulessaal de Múnic, Teatro dos Campos Elíseos en París, Suntory Hall en Tokio ou no Zaryadye de Moscova.

 

Entre os galardóns que recibiu destaca o primeiro premio no concurso “Premios Extraordinarios del Liceo 2010”, foi semifinalista no “Certame Internacional Aeolus 2012” en Düsseldorf e conseguiu o terceiro premio no prestixioso “ARD International Music Competition 2013” celebrado en Múnic. Imparte clases maxistrais de fagot e música de cámara por toda a xeografía española.