Clases co percusionista Gratiniano Murcia

mércores, 8 Maio, 2019

O percusionista Gratiniano Murcia impartiu clases maxistrais na Escola. Participaron tanto estudantes do centro como alumnos externos.

 

Timbal solista na Orquesta de la Comunidad Valenciana

 

Gratiniano Murcia nace en Alacante en 1978. Estuda nos conservatorios de Murcia, Alacante e Ámsterdam, obtendo as máis altas cualificacións. Formouse con percusionistas e timbaleiros de recoñecemento internacional.

 

Foi membro da Orquesta de Jóvenes de la Región de Murcia, da Joven Orquesta Nacional de España, European Union Youth Orchestra e da Orquesta Sinfónica de Alicante. Durante doce anos foi timbal solista da Orquestra Simfònica de Barcelona i Nacional de Catalunya. Ten colaborado coas orquestras máis importantes de España, ademais de agrupacións de Europa e Asia; xunto aos directores máis prestixiosos, entre eles o mestre Zubin Metha. Desde 2006 é timbaleiro convidado da Orquestra do Festival de Budapest. Na actualidade é timbal solista da Orquesta de la Comunidad Valenciana.

 

Durante estes anos ten desenvolto un labor docente moi relevante. Traballou no Centro Superior de Música do País Vasco e desde 2003 forma parte do equipo de profesores de percusión da Escola Superior de Música de Catalunya. Colabora con asiduidade como profesor convidado de diversas xoves orquestras do país.