Baldur Brönnimann será o novo director da Escola de Altos Estudos Musicais

mércores, 30 Novembro, 2022

A Real Filharmonía de Galicia e Baldur Brönnimann xuntan os seus camiños para desenvolver a nova etapa na que o músico suízo será o encargado da súa dirección artística, asumindo ademais a dirección da Escola de Altos Estudos Musicais.

 

Baldur Brönnimann tomará o relevo do mestre Paul Daniel a partir de xaneiro de 2023. 

 

Un novo proxecto
Os obxectivos da orquestra a partir de xaneiro xirarán arredor de varios eixos fundamentais: a implicación social, a excelencia artística e a renovación do repertorio, así como o compromiso formativo.

 

Con Brönnimann chega á Real Filharmonía de Galicia unha dirección artística cun enfoque social comprometido e cunha sensibilidade determinante en temas como a formación ou a creación contemporánea.

 

Biografía
Nado en Suíza e residente en Madrid dende hai máis de 13 anos, Brönnimann formouse na Academia de Música da Cidade de Basilea e no Royal Northern College of Music de Manchester, onde posteriormente foi nomeado titor visitante de dirección.

 

Na actualidade, lidera a Sinfonietta de Basilea, orquestra na que rematará a súa etapa no mes de xuño, e onde dirixe programas que combinan obras contemporáneas co repertorio estándar, nunha procura constante para desafiar as convencións clásicas e explorar novas vías para a interpretación orquestral.

 

En 2020 concluíu o seu exitoso mandato de seis anos como director principal da Orquestra Sinfónica do Porto Casa da Música, á que segue regresando cada temporada. Entre 2011-2015 foi director artístico do principal conxunto de música contemporánea de Noruega, BIT20, e entre 2008-2012 foi director musical da Orquestra Sinfónica Nacional de Colombia en Bogotá.

 

Baldur é unha persoa profundamente comprometida coa relevancia da música clásica no século XXI, e por iso é moi activo como comisario de novas obras, de diferentes festivais e ciclos así como coa divulgación e formación de novos músicos e público.

 

Nas últimas temporadas, Baldur é un director moi demandado e dirixiu, entre outras orquestras, a Filharmónica de Seúl, a Filharmónica de Oslo, a Sinfónica da WDR, a Sinfónica de Barcelona, a Filharmónica de Bergen, a Sinfónica da Radio de Viena ou as orquestras de Cámara de Aurora e Múnic.

 

Futuro ilusionante
O Consorcio de Santiago e a Real Filharmonía de Galicia expresan a súa ilusión con este nomeamento, co que a institución afrontará novos retos da man dun director cun profundo entendemento da música clásica e o seu papel na sociedade.

Documentos relacionados: