A EAEM

A Escola de Altos Estudos Musicais (EAEM) é un centro de educación musical creado en 1997 baixo a competencia da Xunta de Galicia. A súa misión é a formación e perfeccionamiento dos futuros profesionais da música, así como a organización de actividades de divulgación musical.

A EAEM está estreitamente vinculada á Real Filharmonía de Galicia (RFG), coa que forma un único proxecto. O seu profesorado está formado, prácticamente na súa totalidade, polos principais e coprincipais da RFG, tendo os alumnos da EAEM a oportunidade de beneficiarse da experiencia e a profesionalidade de músicos en activo altamente cualificados.

Dende 2011, o Consorcio da cidade de Santiago asume a responsabilidade de xestionar a EAEM, de maneira que orquestra e escola quedan unidas baixo unha mesma xestión e dirección.

 

     

 

Actualmente, a EAEM imparte o curso de posgrao Curso Avanzado de Especialización Orquestral (CAEO), recoñecido como título propio pola Universidade de Santiago de Compostela. O eixo vertebrador do curso son as prácticas orquestrais nos programas de abono da RFG e, así, da man dos seus músicos, os alumnos teñen a oportunidade de tocar con profesionais, adquirindo as habilidades, capacitacións e experiencias necesarias que lles facilite a integración nunha orquestra profesional.

Paralelamente, nunha segunda liña de actuación, a EAEM, na súa Sección de Formación Permanente, organiza cursos de especialización instrumental e outros cursos dirixidos ás áreas de composición, música de cámara ou novos intérpretes, entre outros.

 

       

 

O proxecto da EAEM desenvólvese na súa sede de Santiago de Compostela, con vocación galega e de proxección universal, que ofrece a todos os futuros músicos profesionais un programa formativo de primera orde, confirmando a importancia e o referente que ten a cidade de Santiago no ámbito cultural.